2007/04/20

> Berria: Homofobia > CIG IMPUGNOU O CONVENIO ESTATAL DA CONSERVA POR DISCRIMINAR AS MULLERES E AS PARELLAS DO MESMO SEXO


Os artigos 8 e 9 deste Convenio estatal da Conserva recoñecen como dous grupos laborais diferentes o de operario de oficios varios e o de fabricación. No primeiro inclúense os homes, e no segundo as tarefas das mulleres. Coa mesma categoría páganse distintos salarios en función da categoría, cuestión que Fernández Piñeiro considerou “moi grave, tendo en conta que o da conserva é un sector no que hai unha porcentaxe superior ao 95% de mulleres neste sector traballando”. (Na foto, Suso García, responsábel nacional de Negociación Colectiva da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT, e mulleres integrantes dos Comités de Empresa de conserveiras da comarca de Vigo. © galizacig.com 19/04/2007).

  • Por discriminar ás mulleres e as parellas do mesmo sexo
  • A FGAMT-CIG impugnou o Convenio estatal da Conserva asinado por UGT e CCOO
  • CIG, 2007-04-20 # Vigo

Este xoves 19 de abril, despois dunha Asemblea de delegadas das empresas da conserva de Vigo, Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG, xunto a Suso García, responsábel nacional de Negociación Colectiva, e as traballadoras presentes nesta Asemblea, daban unha rolda de prensa para presentar e facer pública a impugnación do Convenio Estatal da Conserva e as razóns que motivaron a presentación desta demanda.


O Convenio estatal da Conserva, que foi asinado en setembro pola patronal -a Federación Española de Asociacións de Industrias de Transformación e Comercialización de Produtos da Pesca e a Acuicultura- e os sindicatos UGT e CCOO, foi publicado no Boletín Oficial de Estado o 3 de febreiro. A CIG presentou o seu recurso na Audiencia Nacional -xa que se trata dun convenio de ámbito estatal- o 30 de marzo. Trátase dunha demanda de impugnación de convenio colectivo que se formulou contra a patronal e os dous sindicatos asinantes.


A impugnación vai dirixida contra tres apartados. Por unha parte, contra o artigo 7.1, no que se fala da contratación. Concretamente, está previsto que as traballadoras eventuais (pois na súa maioría son mulleres) pasen a ser fixas descontinuas cando leven traballado un mínimo de 225 días durante tres anos consecutivos ou cinco alternos. Desde a CIG salientaron que “isto empeora as condicións fixadas polo Estatuto dos Traballadores/as, polo que reclamamos a súa anulación”.


Discriminación por orientación sexual
Por outra banda, desde a central sindical nacionalista reclámase que se elimine o artigo 17, que regula as licenzas. Neste caso, Fernández Piñeiro explica que para poder gozar das licenzas ou permisos en función dunha posíbel enfermidade que tivera a túa compañeira ou compañeiro este convenio realiza unha especificación inadmisíbel, e así “cando se refire a cónxuxe di que debe interpretarse como parellas de distinto sexo que teñan unha relación de convivencia”. Esta especificación para o secretario nacional da FGAMT “atenta contra a legalidade vixente e realiza unha discriminación en función da orientación sexual que non podemos permitir desde a CIG e que si permiten os asinantes deste convenio”.


Discriminación salarial contra as mulleres
Os artigos 8 e 9 deste convenio recoñecen como dous grupos laborais diferentes o de operario de oficios varios e o de fabricación. No primeiro inclúense os homes, e no segundo as tarefas das mulleres. Coa mesma categoría páganse distintos salarios en función da categoría, cuestión que Fernández Piñeiro considerou “moi grave, tendo en conta que o da conserva é un sector no que hai unha porcentaxe superior ao 95% de mulleres neste sector traballando”.


Fernández Piñeiro subliñou a situación que se da neste sector pola que “a unha muller coa máxima categoría dentro do grupo de fabricación se lle recoñece un salario inferior ao dun home coa categoría máis baixa dentro de oficios varios”, caso que visibiliza esta discriminación de xénero.


O secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, informou que este mes xa houbo dúas roldas de prensa, en Pontevedra e Vilagarcía, para dar a coñecer ás traballadoras esta impugnación do convenio a través da asembleas, que continuarán nas próximas semanas en A Mariña e As Rías; e nas outras comarcas do país nas que o sector conserveiro ten unha importante presenza.

No comments: